logo

FAMILIA E COIDADORES

Cando unha persoa presenta algún tipo de demencia que o fai dependente, dentro do sistema familiar soe haber unha persoa, o coidador principal, que asume as tarefas do coidado básico, coas responsabilidades que iso leva, que é percibido polos restantes membros da familia coma o responsable de asumir o coidado do enfermo, sen que xeralmente chegase a desempeñar ese papel por acordo explícito da familia.
A persoa que asume ese rol de coidador terá que facer fronte a unha gran cantidade de tarefas que desbordan con frecuencia as súas posibilidades reais. É máis, esas tarefas demandas son continuamente cambiantes, de modo que o que serve hoxe, pode ser inútil mañá, facendo precisa unha readaptación da rutina diaria. E todo iso nun contexto no que a carga emocional é importante, xa que non é fácil ver o deterioro e as dificultades continuas dun ser querido.

Os distintos problemas que o coidador ten, non son soamente frecuentes, senón tamén moi variados. A parte das dificultades relacionadas co coidado do seu familiar maior, o coidador ten que facer fronte a conflitos familiares e de parella, problemas laborais, problemas económicos, illamento social, diminución do tempo de ocio,…

O estar sometido a todos estes estresores pode resultar que numerosos coidadores experimenten problemas emocionais e físicos. De feito, os coidadores presentan en moitas ocasións altos niveis de sobrecarga emocional, séntense desconcertados, queimados, atrapados, esgotados, sen forzas para continuar…Senten que a situación do coidado supera e sobrepasa as habilidades que se teñen para facerlle fronte de maneira adecuada. Un 55% dos coidadores desembocan en cadros de depresión leve, moderada ou grave e un 42% en problemas de ansiedade. Quizais por elo un 38,4% dos coidadores do noso entorno consumen algún tipo de psicofármaco (xeralmente ansiolíticos) e o 70% dos que o fan, comezaron a inxesta sendo coidadores.

Unha gran preocupación, especialmente nos coidadores máis maiores, é que a súa saúde non empeore, dificultando poder seguir coidando da mellor maneira posible o seu familiar con demencia. A súa saúde física atópase en numerosas ocasións deteriorada, presentando numerosos problemas osteomusculares, crebaduras e escordaduras, trastornos do sono.

Non sempre os familiares distintos do coidador principal, están para apoiar ó coidado senón que poden incluso supor unha fonte de estres engadido cando discuten con el, desenténdense do maior con demencia,…

Deixar unha resposta

*